lunes, 16 de febrero de 2009

A PALABRA DO DÍA

alienación
O adxectivo latino alius, -a, -ud significa 'outro', 'diferente', 'adversario' e tamén 'perturbación, delirio'. No dereito romano, chamouse alienatio, -onis a transmisión do dereito de propiedade, a venda dunha propiedade, pero tamén un desentendemento con outra persoa: "Tua a me alienatio" dicía Cicerón para significar 'o teu desentendemento comigo'.
Na socioloxía contemporánea, alienación é unha forma de adaptación, aceptación, separación e enaxenamento que se vincula coa manipulación social, a aniquilación cultural, a dominación política e a opresión da persoa ou grupo alienado. Tamén se entende como alienación a transformación, na mente dos individuos, de fenómenos e relacións, que son percibidos como algo diferente do que son en realidade.
Trátase dun proceso mediante o cal un individuo ou unha colectividade transforman a súa conciencia ata facela contraditoria co que debía esperarse da súa condición' e tamén un 'estado de ánimo (...) en que o individuo se sente alleo ao seu traballo ou á súa vida auténtica'. Entre as acepcións actuais inclúese tamén a antiga denotación latina de 'delirio': 'termo que comprende todos os trastornos intelectuais, tanto os temporais ou accidentais como os permanentes'.

No hay comentarios:

Publicar un comentario