viernes, 30 de enero de 2009

MANIFESTO POLA SOLIDARIEDADE

QUEN SOMOS:
Os que subscribimos este manifesto somos cidadáns no pleno uso dos nosos dereitos civís, e titulares da soberanía popular, da cal emanan os poderes do Estado. Os asinantes dirixímonos a todos os cidadáns do mundo, coñecedores da situación de pobreza, fame e enfermidade na que se atopa gran parte da poboación humana nun momento histórico, como o actual, no que se dispón dos suficientes medios políticos, económicos e científicos que puidesen solucionar estes problemas. Este manifesto ten vocación de universalidade, e vai dirixido a toda a humanidade, a cada ser humano que habita o planeta, para que tome conciencia da terrible situación á que se enfrontan millóns de persoas e dalgún xeito actúe en consecuencia para terminar con esta insostible situación. Por iso a versión orixinal en español será traducida a diversas linguas, pois o noso propósito consiste en facer oír a voz da opinión pública nos lugares nas que se toman as decisións políticas e económicas do mundo. A QUEN NÓS DIRIXIMOS: Dirixímonos á clase política gobernante dos nosos países; así como aos máis altos mandatarios das Organizacións Internacionais, tales como a Organización das Nacións Unidas, e aos Presidentes e Gobernos dos países máis poderosos economicamente da Terra.
MANIFESTÁMOSLLES:
1.- Que este texto ten a súa orixe na constatación da extrema situación de necesidade e de fame que sofre unha gran parte da poboación da Terra e no desigual e inxusta repartición de bens que existe actualmente no mundo. Entendemos que a ecuanimidad e a harmonía no mundo teñen por base o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de todos os membros da familia humana, polo cal é inadmisible que unha gran parte da poboación mundial teña que enfrontarse a unha realidade tan precaria, a tal grao de inxustiza e desigualdade, a tanta fame, pobreza e desnutrición.

2.- Que consideramos que dita situación é intrinsecamente perversa e non admisible nin moral nin eticamente, dado que todos os seres humanos nacen libres e iguais. Igualmente, temos presente que todos os cidadáns do mundo teñen eses dereitos desde o mesmo instante do seu nacemento e non como unha promesa futura cuxa conquista dependa da realidade política, social ou económica dos seus países.

3.- Que defendemos que é completamente inxusto, inmoral e un crime humanitario punible ante os tribunais internacionais e a Historia que, en pleno Século XXI, existan seres humanos que pasen fame no mundo, e que morran por iso. Que é un agravante dese crime que, existindo as leis internacionais suficientes, así como os medios técnicos, económicos e científicos para corrixir devandita situación, os que exercen o poder no mundo non leven a cabo as accións necesarias para solucionar o que xeracións futuras cualificarán de verdadeiro xenocidio no que serán culpables todos aqueles que, tendo os medios para solucionar o problema, non os empregaron.

4.- Que consideramos que esta inxusta situación é contraria ao dereito Natural, aos Dereitos Humanos e ás normas da máis elemental ética, e entendemos que chegou o momento de que a voz da opinión pública esixa dos seus gobernantes o final de tal estado de cousas.

5.- Que o presente manifesto non é un manifesto utópico; e que tampouco é un manifesto político, nin se pretende co mesmo a instauración dunha nova orde política ou socio-económico mundial, nin ningún menoscabo do tecido empresarial, sanitario e social do mundo desenvolvido, senón a máis elemental xustiza cos desfavorecidos.

POR TODO ISO, ESIXIMOS AOS NOSOS GOBERNANTES:
1.- A adopción de medidas inmediatas e urxentes para paliar tal situación de fame, enfermidade e desnutrición no terceiro mundo. Consideramos que tales medidas non constitúen unha utopía, senón que son perfectamente viables e posibles.

2.- Manter o compromiso de cumprir os Obxectivos do Milenio que, establecidos por Nacións Unidas no ano 2000, definen os principios aos que ha de axustarse a actuación dos países e do sistema económico internacional para superar, co horizonte fixado en 2015, as inxustizas que afectan á humanidade.

3.- A realización de accións solidarias sistemáticas cos países máis desfavorecidos e que se estableza unha orde lóxica e humano de prioridades na política económica, con proxectos intelixentes que cren riqueza e postos de traballo nos países afectados, facilitando un desenvolvemento sostible e un progreso que lles axude á consolidación dunha rede sanitaria, económica e social estable que faga posible o retorno a unha situación de partida igualitaria.

4.- Que se tomen as medidas necesarias para que os países ricos destinen unha parte dos seus orzamentos á creación de riqueza, de empresas e de fontes de traballo nos países afectados; así como a adopción dun acordo internacional, que debería subscribirse na ONU de obrigado cumprimento para os países desenvolvidos.

5.- A implantación dun código ético que regule a estratexia das empresas multinacionais, así como a eliminación dos paraísos fiscais e a aplicación da taxa Tobin, ú outra similar, ás transaccións comerciais internacionais, que permita crear un fondo de solidariedade xestionado por Nacións Unidas.

6.- Non aceptaremos simples declaracións de principios que non se traduzan en políticas concretas. En definitiva, APELAMOS ao sentido da xenerosidade e humanidade de todos, e fundamentalmente da clase política internacional economicamente poderosa.

Desde a terra que espera e cre firmemente na Solidariedade que constrúa un mundo mellor e máis xusto, a 30 de xaneiro de 2009

jueves, 29 de enero de 2009

Refráns - Xaneiro

En xaneiro a xarda sabe a carneiro.
En xaneiro arde o verdadeiro.
En xaneiro busca a lebre co cu no bulleiro.
En xaneiro nin galgo leboeiro, nin falcón perdigueiro.
En xaneiro planta o teu alleiro.
En xaneiro polas mañas sementa as patacas temperás.
En xaneiro sabe o polbo a carneiro.
En xaneiro sete capas e un sombreiro.
En xaneiro sete lobos no carreiro.
En xaneiro un pouco ao sol, outro ao fumeiro.
En xaneiro vaite ao outeiro, .
En xaneiro verza vella vale carneiro.
No xaneiro non hai oveiro.
O San Antón verdadeiro é o dezasete de xaneiro
O xaneiro é xeadeiro.
Sol de xaneiro sae tarde e ponse cedo.
Sol de xaneiro sempre tras o outeiro.
Xaneiro fóra, medrou o día máis dunha hora.
Xaneiro mollado, se non é bo para o pan, non é malo para o gando.
Xaneiro quente, demo no ventre.
Xaneiro añeiro e febreiro cabriteiro.
Obreiro de xaneiro pan che comerá e obra non fará.
Da flor de xaneiro ninguén enche o celeiro.
Quen ara por xaneiro ara para o ano enteiro.
O polo de xaneiro, cada pluma vale diñeiro.
Luar o de xaneiro, cariño o primeiro.

miércoles, 28 de enero de 2009

SUBSTANTIVO


Clasificación:

1. Pola propia estrutura: simples e compostos

2. Pola extensión: comúns e propios

3. Polo significado: concretos e abstractos

4. Pola súa orixe: primitivos e derivados


O XÉNERO

Substantivos nos que o cambio de xénero non se refire ao sexo:

Tamaño: pipo, rato, barco, vasoiro.

Feminino colectivo: madeiro, gran, ovo.

Semanticamente diferentes: porto, corte, cura

-> MASCULINOS:

· Os nomes das letras: be, ce, de, etc.

· Os rematados en –ote: lote, dote, pote… Pero: epiglote.

. A maioría dos rematados en –(u)me. Exemplos: teitume, lume, gume, estrume, cerume, etc.

· Excepto: servidume, negrume (escuridade intensa; melancolía, tristeza; capa de suciedade), mansedume que son femininas.

* Leite, aceite, couce, ubre, sangue, peite, sal, mar, cal, costume, fel, mel, sinal, nariz, lume, cume, labor, xeonllo, riso, sorriso, til, cuspe, berce, dínamo, trade, xene, cumio, iota (e demais letras gregas), cardume, estrume, pesadume, paradoxo, acedume, bechamel, cárcere, teitume, xiz, zócolo, testemuño (declaración da testemuña: testimonio en castelán).

-> FEMININOS:

* Rematados en –axe: tatuaxe, equipaxe, viaxe, friaxe…, ,…Excepcións: traxe, paxe, garaxe.

* Rematados en –ite: apendicite, bronquite, sinusite,…

* Rematados en –se: análise, trombose, cirrose, antítese,… (sífilis é feminino, pero mantense escrito así).

* Rematados en –ade: liberdade, puberdade, lealdade, irmandade,..

* A maioría das árbores froiteiras: cerdeira, figueira, (pero: o figo), nespereira (néspera), amorodeira (pero: amorodo ou morodo). Excepcións: castiñeiro, limoeiro, piñeiro, pexegueiro.

*Cor, color, dor, dolor, auga, arma, aula, aguia, alma, arte, podremia, sebe, sede, árbore, ponte, orde, desorde, contraorde, pantasma, calor, suor, canle, fame, orixe, pálpebras, armazón, icona, cute, tise, dose, feluxe, personaxe, ábsida, arquitrabe, azouta, birreme, trirreme, tanza, sedela, apócope, avestruz, apóstrofe, estrea, fin (remate), paréntese, pube, rega, seca, sentinela, síncope, análise, marxe, testemuña (o que presencia algo, testigo en castelán).

ATENCIÓN:

O xénero oposto permite establecer diferencias de significado:

*Individual/colectivo: leño/leña, ovo/ova, froito/froita, madeiro/madeira, gran/gra, etc.

* Maior/menor: cesta/cesto, leira/leiro, agra/agro, carballa/carballo, foxa/foxo, palleira/palleiro, lago/laga.

OLLO: machado/machada, vasoiro/vasoira.

*Forma diferente: zapato/zapata, río/ría, porto/porta, pozo/poza, sacho/sacha.

*Río/Comarca: o Arnoia/A Arnoia, o Limia/A Limia, o Ulla/A Ulla…


Masculino –án / Feminino –á // Masculino –ano / Feminino –ana:


-> Masculino –án / Feminino –á:

alazán, alazá; aldeán, aldeá; ancián, anciá; artesán, artesá; barregán, barregá; bosquimán, bosquimá; capitán, capitá; chan, chá; cidadán, cidadá; cirurxián, cirurxiá; cortesán, cortesá; cotián, cotiá; cristián, cristiá; curmán, curmá; ermitán, ermitá; escribán, escribá; gardián, gardiá; gran, gra; insán, insá, san, sá; irmán, irmá; livián, liviá; louzán, louzá; malsán, malsá; marrán, marrá; musulmán, musulmá; nugallán, nugallá; pagán, pagá; rufián, rufiá; sancristán, sancristá; sultán, sultá; tecelán, tecelá; temperán, temperá; temporán, temporá; truán, truá; van, va; verán; vilán, vilá.


Este sufixo serve tamén para formar xentilicios:

afgán, afgá; alemán, alemá; castelán, castelá; catalán, catalá; coimbrán, coimbrá. Pero especialmente tamén os referidos a lugares galegos: arzuán, arzuá; bergantiñán, bergantiñá; caldelán, caldelá; vilagarcián, vilagarciá; salnesán salnesá; muxián, muxiá; fisterrán, fisterrá; compostelán, compostelá; etc.

Pero certos xentilicios galegos poden facerse coa súa forma local –ao/-á: Ejemplos: arnoiao, arnoiá; burelao, burelá; courelao, courelá; caldelao, caldelá (do Castro Caldelas); ribeirao, ribeirá (do Ribeiro); mariñao, mariñá (da Mariña).

Tamén se admite a forma feminina local –án en casos como: unha carnotán, unha fisterrán, unha muradán, etc.


-> Masculino –ano / Feminino –ana:

Vén da terminación latina –ANUM, -ANAM.

africano, americano, anglicano, arcano, artesiano, asturiano, australiano, bacteriano, boliviano, colombiano, cubano, decano, diluviano, franciscano, fulano, gregoriano, hispano, humano, inhumano, italiano, lusitano, luterano, mahometano, meridiano, metropolitano, miliciano, mundano, oufano, paisano, peruano, pondaliano, rosaliano, (de estilo, de autor), profano, provinciano, puritano, republicano, romano, semana, soberano, tirano, transmontano, ultramontano, urbano, valenciano, veterano, vexetariano, xermano, etc.

As palabras cultas conservan a terminación –ano/-ana: bímano, diáfano, cocainómano, bibliómano, tímpano, cleptómano, ébano, melómano, mitómano, órgano, pínfano, tétano, morfinómano.


-> Masculino –án / Feminino –ana:

Só para os pexorativos: barrigán, barrigana; barullán, barullana; brután, brutana; burrán, burrana; bocalán, bocalana; cabezán, cabezana; cagán, cagana; carallán, carallana; carcamán, carcamana; charlatán, charlatana; farfallán, farfallana; folgazán, folgazana; lacazán, lacazana; langrán, langrana; larpán ,larpana; leilán, leilana; lerchán, lerchana; lordán, lordana; loubán, loubana; mentirán, mentirana; orellán, orellana; pailán, pailana; papán, papana; parvallán, parvallana; paspán, paspana; pastrán, pastrana; pelandrán, pelandrana; pillabán, pillabana; porcallán, porcallana; ruán, ruana; testalán, testalana; testán, testana; toleirán, toleirana; etc.


-> Masculino –ón / Feminino -oa, –ona:

· -ón / -oa:

OLLO: anfitrión, anfitrioa; bretón, bretoa; campión, campioa; ladrón, ladroa (pero tamén ladra); león, leoa; patrón, patroa; saxón, saxoa; teutón, teutoa.

· -ón / -ona: Queda só reservado para os aumentativos e os pexorativos.

Aumentativos: Homón, mullerona, zapatón, casona.

Pexorativos: Abusón, abusona; acusón, acusona; faltón, faltona; etc.

OLLO: Non confundir as palabras cultas con terminación –on (átona): canon, colon, corion, décathlon, épsilon, ípsilon, micron, epíploon, cripton, isquion, necton, neon, newton, ómicron, párkinson, radon, taxon, telson. O anglicismo nylon, adáptase ao galego como: nailon.



FORMACIÓN DO PLURAL

Palabras rematadas en vogal (átona ou tónica) ou en ditongo:

Fan o plural en –s: mesa/mesas; café/cafés; bocoi/bocois; lei/leis.

Os estranxeirismo acabados en vogal fan o plural en –s ou ben respectando a forma plural da lingua de orixe: spray/sprays; hippy/hippys ou tamén hippies.


Palabras rematadas en –r e –z:

Engaden –es: mar/mares; paz/paces; luz/luces.

Os estranxeirismos, en xeral, tamén (palier/palieres; somier/somieres; húsar/húsares; dólar/dólares), a non ser algúns casos de palabras pouco integradas, que poden formar o plural en –s: póster/pósters ou pósteres; júnior/júniores ou júniors.


Palabras rematadas en –s e –x [ks]:

Agudas en –s fano engadindo –es: deus/deuses; compás/compases, a non ser as rematadas en grupo consonántico (tamén as acabadas en –x [ks]: luns, fax, lux, unisex, que permanecen invariables.

As graves e esdrúxulas en –s ou en –x [ks], son invariables: choromicas, lapis, martes, oasis, xoves, mércores, bíceps, tórax, clímax, télex, etc

Palabras rematadas en –n:

Engaden –s: can/cans; lambón/lambóns; dolmen/dolmens; mitin/mitins.


Palabras rematadas en –l:

Os monosílabos engaden –es: cal/cales; el/eles; tal/tales; val/vales; xel/xeles; vil/viles.

As palabras compostas en que o 2º elemento sexa algún monosílabo acabado en –l, fan o plural coma o monosílabo, é dicir en –es: chuchamel/chuchameles; xirasol/xirasoles; ollomol/ollomoles.

O plural de aquel é aqueles

As agudas polisílabas substitúen o –l por –is: animal/animais; aval/avais; fiel/fieis; cruel/crueis; civil/civís; español/españois; control/controis; azul/azuis; Paúl/Paúis.

OLLO: caracol/caracois; aerosol/aerosois.

Atención: Nos rematados en –il soluciónase en –ís: cadril/cadrís; cantil/cantís.

As palabras graves fan o plural en –es: prénsil/prénsiles; útil/útiles; difícil/difíciles; túnel/túneles.

Atención: Exceptúase a terminación –bel, que fará o plural en –beis: amábel/amábeis; potábel/potábeis; posíbel/posíbeis; bebíbel/bebíbeis.

Palabras rematadas noutras consoantes:

A maioría delas son estranxeirismos ou cultismos, e forman o plural engadindo –s: frac/fracs; club/clubs; pub/pubs; snob/snobs; clac/clacs; coñac/coñacs; lord/lords; tic/tics; crómlech/crómlechs; sándwich/sándwichs; sketch/sketchs; stick/sticks; round/rounds; talmud/talmuds; rosbif/rosbifs; anorak/anoraks; búmerang/búmerangs; iceberg/icebergs; ring/rings; smóking/smókings; álbum/álbums; réquiem/réquiems; slálom/sláloms; tándem/tándems; tótem/tótems; clip/clips; jeep/jeeps; hándicap/hándicaps; boicot/boicots; complot/complots; fagot/fagots; mamut/mamuts; robot/robots; sprint/sprints; test/tests; trust/trusts.

martes, 27 de enero de 2009

A PALABRA DO DÍA

Oriental

Para os latinos, o verbo
orior, orieris significaba 'nacer' e aplicábase tanto a persoas como a animais ou cousas, segundo o uso que lle daban Cicerón e Ovidio. Horacio foi quen empregou este verbo para referirse á saída do sol, vista como un nacemento.

O participio presente deste verbo oriens, orientis (nacer, nacente) foi utilizado para denominar a rexión pouco coñecida situada ao leste, por estar ao lado de onde sae o sol.

Plinio chamou oriens hibernus e oriens aestivus ao comezo do inverno e do verán, respectivamente. Horacio chegou a usar o adxectivo oriental para referirse ao punto cardinal Leste, pero foi só algúns séculos máis tarde que Xustiniano acuñou o vocábulo orientalis para referirse aos países asiáticos.

Actualmente utilízanse as expresións 'Medio Oriente' ou 'Próximo Oriente' para denominar a rexión de Asia Menor, onde están situados Israel, a Nación palestina, o Líbano, Siria e Xordania.

Un caso curioso é o do Uruguai, que ata 1828 foi parte da Arxentina baixo o nome de Provincia Oriental. Ao tornarse independente, adoptou o nome de República Oriental do Uruguai, por estar ao leste do río Uruguai e os seus habitantes son chamados uruguaios ou 'orientais'

viernes, 23 de enero de 2009

A PALABRA DO DÍA

Indíxena
É un cultismo tomado do latín "
indigena", que significaba 'de alí' e, por extensión, 'primitivo habitante dun lugar, nativo. Este termo está composto de indi- (unha variante do prefixo latino in-) e a raíz indoeuropea xen- 'parir', 'dar a luz', que tamén está presente en moitas palabras da nosa lingua, como 'procrear', 'xene', 'xenealoxía' e outras.
Sinónimos: aborixe, nativo, natural

jueves, 22 de enero de 2009

A PALABRA DO DÍA

Pértega

O salto con pértega ou salto con pica é unha proba do atletismo moderno incorporada aos Xogos Olímpicos que consiste en saltar por riba dunha barra transversal situada a unha altura de entre cinco e seis metros, con axuda dunha pértega flexible de entre catro e cinco metros de lonxitude.


Ata os anos sesenta, a pértega era de cana de bambú ou de metal lixeiro, pero actualmente faise con fibra de vidro e carbono.

A marca olímpica de salto con pértega é actualmente de 5 m 95 cm, pero en competicións non olímpicas alcanzáronse ata 6 m 15 cm. A proba foi incluída nas disciplinas olímpicas masculinas desde os primeiros xogos modernos, en 1896, e como feminina, en Sydney 2000.

A palabra provén do latín pertica 'vara longa' A palabra latina tamén deu lugar a percha, ou colgadoiro de roupa e chapeus.

A PALABRA DO DÍA

Afrodisíaco

Este substantivo aplícase ás sustancias que teñen a propiedade de estimular o apetito sexual.

Os gregos xa coñecían o efecto dalgunhas herbas como estimulantes sexuais e facían con elas infusións, que chamaron a"phrodisiakós".O vocábulo xurdiu do nome da divindade Afrodita.
Segundo outra tradición, Afrodita era filla de Urano, cuxos órganos sexuais, extirpados por Cronos, caeron ao mar e procrearon á deusa, que por iso se chamou nacida das ondas.
En Roma, Afrodita foi identificada coa antiga divindade latina Venus, da cal pretendía descender a familia ou gens Iulia, á que pertenceu Xulio César.

miércoles, 21 de enero de 2009

A PALABRA DO DÍA

Gaita
Segundo a RAG é un instrumento musical de vento que consta dun fol, que se enche soprando, e de varios tubos de madeira por onde sae o aire ao premer o fol entre o brazo e o costado
A gaita é un dos instrumentos musicais máis antigos, e foi descrita, con diversos nomes, por gregos, romanos e pobos xermánicos.
Feita de pel de cabra, os romanos identificábana cun odre/ pelello e chamábana utriculus (odriño); Suetonio narra que Nerón ofreceuse en certa ocasión a "tocador de odriño", como castigo por non vencer nun torneo sobre poesía.
Os invasores xermánicos, que conquistaron a Península Ibérica no século VI da nosa era, levaron a gaita, que chamaban gaits, palabra que na súa lingua significaba cabra. Este nome mantívose noutras linguas, como "gayda" en serbocroata e "gainda" en húngaro.
Nalgunhas rexións de España prefírese o termo latino cornamusa, empregado tamén en Francia (cornemuse).

A PALABRA DO DÍA

Prestixio:

Segundo o dicionario da RAG é:

Boa reputación social que acompaña a unha actividade ou ben á persoa ou entidade que desempeña un labor considerado de calidade.
O prestixio de algunhas persoas parece estar máis de acordo co sentido etimolóxico desta palabra que co significado que lle damos hoxe.
En efecto, prestixio provén do latín praestigium, que se refire a charlatanería, impostura. Praestigiosus, enganador.
A palabra latina estaba formada polo prefixo prae- "diante", e o verbo stringere "apertar con forza", coa idea de apertar os ollos, como se fai cunha venda, para deixar cega a unha persoa. O termo usouse con este sentido ata o século XVIII, cando en francés se lle empezou a dar a "prestige" o significado de "renome, ascendente, influencia", e a afrancesada corte española daquela época trasladou este significado á lingua castelá, a lingua galega e a portuguesa.

lunes, 19 de enero de 2009

A palabra do día e fraseoloxía do tempo

-> Froallar: Caer chuvia moi miúda.Onte estivo froallando todo o día.
Sinónimos:
babuñar, babuxar, barbañar, barbuñar, barbuzar, barrallar, barrazar, barrufar, barruñar, barruzar, brecar, chuviñar, chuviscar, lapiñar, marmallar, marmañar, orballar, patiñar, poallar, zarzallar.

A boas horas! - Xa é tarde
Á fresquiña - Ao mencer; ao atardecer
A hora na que espertan as galiñas/ cando mexan - Nunca
Á luzada - Pola mañá cedo
Abrir o día - Amencer
Acordar o rei que rabiou - Ser vello
Aínda non lle viu o cu á carriza - Persoa que é moi nova ou inmadura
Caída do sol - Solpor
Cando as ras críen pelo - Dise cando algo é irrealizable
Cando estean os paxaros preñados - Nunca
De vello, gaiteiro- Facer cousas de mozos cando se é vello
Deixar andar o can na roca (que el ha dar conta da mazaroca) - Deixa que xa virán mellores tempos
De lusquefusque - Desde a alba ata a noite
Entre lusco e fusco - Entre noite e día
Levar rillado catro codias - Ser moi vello
Meu dito meu feito - Facer inmediatamente o que se pensa
O tempo dáo Deus de balde - Querendo sempre hai tempo
Pasar as calendas gregas - Nunca

viernes, 16 de enero de 2009

ORTOGRAFÍA

Úsase «h»
-> 1. En todas as formas de verbos como haber, habitar, habituar, herdar, homenaxear, honrar, hospedar e humillar: hai, habitaba, herdou, honrade...

-> 2. Nas palabras que comezan polos prefixos gregos: hex- ou hexa- (‘seis’), hept- ou hepta- (‘sete’), hendeca- (‘once’), hect- ou hecta- (‘cen’), helio- (‘sol’), hemi- (‘metade’), hemo- ou hema- (‘sangue’), hetero- (‘diferente’), homo- (‘idéntico’), hipo- (‘cabalo’), hipo- (‘baixo’), hiper- (‘superior ou moito’), hidro- (‘auga’), hipno- (‘sono’), hepat- (‘fígado’): helióstato, hemiciclo, heptasílabo, hectómetro, heterodoxo, hidroloxía...


-> 3. Nas palabras que comezan por hum-: húmido, humilde, humano...

Excepción: úmero.

-> 4. Nas palabras que comezan por horr- ou por hosp-: horrible, hospital, hóspede...


-> 5. Na palabra alcohol (aínda que tamén se admite alcol) e nos seus derivados: alcohólico, alcoholemia...


-> 6. En moitas interxeccións: ah, bah, boh, eh, ho, hurra, oh, ouh...

Excepción: ai, ola, ei.

-> 7. Nas palabras derivadas ou compostas doutras que tamén se escriben con «h»: habitar → deshabitar, home → xentilhome...


-> 8. Por criterios etimolóxicos, en palabras como: harén, harmonía, harpía, hasta (pau, corno), hedra, Helena, hélice, helmo, Henrique, herba, hindú, hirto, histeria, home, hora, horta, hoxe e os seus derivados.


Uso de nh, r e rr : Unha, algunha, ningunha
Distinción de significados: caro/carro; fero/ferro;rítmico, monorrítmico, redor, arredor, románico, iberorrománico

Con S:
As palabras que comezan por estra- ou es- (non son prefixos): escaso, escolma, escavar, escavadora, escavación, escolma, escusa, esplendor, espolio, espraiar, espremer, estender (pero extensión, extenso e extensivo), estorbo, estrañar, estraño, estrañeza, estranxeiro, Estremadura, estremeña, estremar (lindar), estrutura, Biscaíño, belisco, lapis, bisneto, esquerda, mesquita, mesquiño, polisón, sentinela, vesgo

Con X:
As palabras que comezan por extra- e ex- e son prefixos co significado de “fóra de” e “mais alá de”, como “exportar”, “exánime” ou “extraordinario”, arxila , tanxer, tinxir, traxecto, vertixe, xacer, xampú, xarampón, Xema, xeo, xeso, enxesar, xasmín, xugular, xiringa, xordo, caxemira, cervexa, clixé, cónxuxe, conxuntura, cornixa, desengraxar, enxalzar, pexorativo, proxectil, solfexo, clímax, tórax, sílex, fax, télex, unisex.

ORTOGRAFÍA

-> Úsase «b»

-> 1. En interior de palabra, despois de «m»: lombo, cambiar, pomba...

-> 2. En todas as formas dos verbos rematados en -bir (escribir, recibir, rubir, prohibir, subscribir...): escribo, recibías, rubirá, prohibiron...

Excepción: vir, vivir, servir e os seus derivados.

-> 3. En todas as formas dos verbos rematados en -buír (atribuír, distribuír, contribuír...): atribuín, distribúes, contribuirán...

-> 4. En todas as formas dos verbos beber, caber, deber, haber, lamber, saber e sorber:

-> 5. Nas terminacións do copretérito (pretérito imperfecto) de indicativo dos verbos da 1.a conxugación: falaba, cantabas, bailabamos...

-> 6. Nas palabras que comezan por bu-: bubela, bufanda, buscar, budista, burla...

Excepción: vulgo, vulnerar, vulto, vulva, vurullo e os seus derivados.

-> 7. Nos casos en que o son [b] vai seguido doutra consoante: branco, público, súbdito, absterse...

Excepción: acivro, ávrego e ovni.

-> 8. Nas palabras cos prefixos biblio- (‘libro’), bi- ou bis- (‘dous’), bio- (‘vida’), sub- (‘baixo’): bibliografía, bimotor, bioloxía, subatómico...

-> 9. Nas palabras derivadas ou compostas doutras que tamén se escriben con «b»: polbo polbeira, brazo antebrazo...

-> 10. Por criterios etimolóxicos: abelá, automóbil, bafo, balde, baleiro, beira, billa, bolboreta, biscaíño, fibela, gabia, gabián, marabilla, móbil, nobelo, polbo, rebentar, ribeira, trobar, trobador, Xabier e os seus derivados.

-> Úsase «v»

-> 1. En interior de palabra, despois de «b», «d» e «n»: obvio, advertir, inverno...

-> 2. En todas as formas dos verbos rematados en -servar (reservar, conservar...) e -versar (conversar, terxiversar...): reservade, conservo, conversaron...

-> 3. En toda a conxugación dos verbos estar, ir, ter, servir, ver, vir e vivir: estiven, vou, tivera, vexas, vivín...

Excepción: o copretérito do verbo estar (estaba, estabas...).

-> 4. En todas as formas dos verbos rematados en -ver (absolver, ferver, mover, ver, volver...): absolveron, fervía, moveu, verás...

Excepción: beber, caber, deber, haber, lamber, saber, sorber e os seus derivados.

-> 5. Nos nomes dos números: nove, vinte, vinte e un...

-> 6. Nos adxectivos rematados en -ave, -avo/a, -eve, -evo/a, -ivo/a: grave, oitavo, leve, nociva...

Excepción: árabe.

7. Nas palabras que comezan por di-: divagar, divino, dividir, diversión...

Excepción: dibásico/a.

-> 8. Nas palabras co prefixo vice- (‘cargo de rango inferior’) ou co sufixo -voro/a (‘comer’): vicepresidenta, insectívoro...

-> 9. Nas palabras derivadas ou compostas doutras que tamén se escriben con «v»: inverno invernadoiro, vento papaventos...

-> 10. Por criterios etimolóxicos, en: acivro, avó, avoa, avogado, caravel, chuvasco, covarde, Cristovo, escarvar, escaravello, Estevo, esvelto, garavanzo, gravar, gravata, pavillón, trevo, varanda, varredor, varrer, vasoira, vermello, verniz, verza, voda, voitre, vulto, xavelina e os seus derivados.