miércoles, 21 de enero de 2009

A PALABRA DO DÍA

Gaita
Segundo a RAG é un instrumento musical de vento que consta dun fol, que se enche soprando, e de varios tubos de madeira por onde sae o aire ao premer o fol entre o brazo e o costado
A gaita é un dos instrumentos musicais máis antigos, e foi descrita, con diversos nomes, por gregos, romanos e pobos xermánicos.
Feita de pel de cabra, os romanos identificábana cun odre/ pelello e chamábana utriculus (odriño); Suetonio narra que Nerón ofreceuse en certa ocasión a "tocador de odriño", como castigo por non vencer nun torneo sobre poesía.
Os invasores xermánicos, que conquistaron a Península Ibérica no século VI da nosa era, levaron a gaita, que chamaban gaits, palabra que na súa lingua significaba cabra. Este nome mantívose noutras linguas, como "gayda" en serbocroata e "gainda" en húngaro.
Nalgunhas rexións de España prefírese o termo latino cornamusa, empregado tamén en Francia (cornemuse).

A PALABRA DO DÍA

Prestixio:

Segundo o dicionario da RAG é:

Boa reputación social que acompaña a unha actividade ou ben á persoa ou entidade que desempeña un labor considerado de calidade.
O prestixio de algunhas persoas parece estar máis de acordo co sentido etimolóxico desta palabra que co significado que lle damos hoxe.
En efecto, prestixio provén do latín praestigium, que se refire a charlatanería, impostura. Praestigiosus, enganador.
A palabra latina estaba formada polo prefixo prae- "diante", e o verbo stringere "apertar con forza", coa idea de apertar os ollos, como se fai cunha venda, para deixar cega a unha persoa. O termo usouse con este sentido ata o século XVIII, cando en francés se lle empezou a dar a "prestige" o significado de "renome, ascendente, influencia", e a afrancesada corte española daquela época trasladou este significado á lingua castelá, a lingua galega e a portuguesa.

lunes, 19 de enero de 2009

A palabra do día e fraseoloxía do tempo

-> Froallar: Caer chuvia moi miúda.Onte estivo froallando todo o día.
Sinónimos:
babuñar, babuxar, barbañar, barbuñar, barbuzar, barrallar, barrazar, barrufar, barruñar, barruzar, brecar, chuviñar, chuviscar, lapiñar, marmallar, marmañar, orballar, patiñar, poallar, zarzallar.

A boas horas! - Xa é tarde
Á fresquiña - Ao mencer; ao atardecer
A hora na que espertan as galiñas/ cando mexan - Nunca
Á luzada - Pola mañá cedo
Abrir o día - Amencer
Acordar o rei que rabiou - Ser vello
Aínda non lle viu o cu á carriza - Persoa que é moi nova ou inmadura
Caída do sol - Solpor
Cando as ras críen pelo - Dise cando algo é irrealizable
Cando estean os paxaros preñados - Nunca
De vello, gaiteiro- Facer cousas de mozos cando se é vello
Deixar andar o can na roca (que el ha dar conta da mazaroca) - Deixa que xa virán mellores tempos
De lusquefusque - Desde a alba ata a noite
Entre lusco e fusco - Entre noite e día
Levar rillado catro codias - Ser moi vello
Meu dito meu feito - Facer inmediatamente o que se pensa
O tempo dáo Deus de balde - Querendo sempre hai tempo
Pasar as calendas gregas - Nunca

viernes, 16 de enero de 2009

ORTOGRAFÍA

Úsase «h»
-> 1. En todas as formas de verbos como haber, habitar, habituar, herdar, homenaxear, honrar, hospedar e humillar: hai, habitaba, herdou, honrade...

-> 2. Nas palabras que comezan polos prefixos gregos: hex- ou hexa- (‘seis’), hept- ou hepta- (‘sete’), hendeca- (‘once’), hect- ou hecta- (‘cen’), helio- (‘sol’), hemi- (‘metade’), hemo- ou hema- (‘sangue’), hetero- (‘diferente’), homo- (‘idéntico’), hipo- (‘cabalo’), hipo- (‘baixo’), hiper- (‘superior ou moito’), hidro- (‘auga’), hipno- (‘sono’), hepat- (‘fígado’): helióstato, hemiciclo, heptasílabo, hectómetro, heterodoxo, hidroloxía...


-> 3. Nas palabras que comezan por hum-: húmido, humilde, humano...

Excepción: úmero.

-> 4. Nas palabras que comezan por horr- ou por hosp-: horrible, hospital, hóspede...


-> 5. Na palabra alcohol (aínda que tamén se admite alcol) e nos seus derivados: alcohólico, alcoholemia...


-> 6. En moitas interxeccións: ah, bah, boh, eh, ho, hurra, oh, ouh...

Excepción: ai, ola, ei.

-> 7. Nas palabras derivadas ou compostas doutras que tamén se escriben con «h»: habitar → deshabitar, home → xentilhome...


-> 8. Por criterios etimolóxicos, en palabras como: harén, harmonía, harpía, hasta (pau, corno), hedra, Helena, hélice, helmo, Henrique, herba, hindú, hirto, histeria, home, hora, horta, hoxe e os seus derivados.


Uso de nh, r e rr : Unha, algunha, ningunha
Distinción de significados: caro/carro; fero/ferro;rítmico, monorrítmico, redor, arredor, románico, iberorrománico

Con S:
As palabras que comezan por estra- ou es- (non son prefixos): escaso, escolma, escavar, escavadora, escavación, escolma, escusa, esplendor, espolio, espraiar, espremer, estender (pero extensión, extenso e extensivo), estorbo, estrañar, estraño, estrañeza, estranxeiro, Estremadura, estremeña, estremar (lindar), estrutura, Biscaíño, belisco, lapis, bisneto, esquerda, mesquita, mesquiño, polisón, sentinela, vesgo

Con X:
As palabras que comezan por extra- e ex- e son prefixos co significado de “fóra de” e “mais alá de”, como “exportar”, “exánime” ou “extraordinario”, arxila , tanxer, tinxir, traxecto, vertixe, xacer, xampú, xarampón, Xema, xeo, xeso, enxesar, xasmín, xugular, xiringa, xordo, caxemira, cervexa, clixé, cónxuxe, conxuntura, cornixa, desengraxar, enxalzar, pexorativo, proxectil, solfexo, clímax, tórax, sílex, fax, télex, unisex.

ORTOGRAFÍA

-> Úsase «b»

-> 1. En interior de palabra, despois de «m»: lombo, cambiar, pomba...

-> 2. En todas as formas dos verbos rematados en -bir (escribir, recibir, rubir, prohibir, subscribir...): escribo, recibías, rubirá, prohibiron...

Excepción: vir, vivir, servir e os seus derivados.

-> 3. En todas as formas dos verbos rematados en -buír (atribuír, distribuír, contribuír...): atribuín, distribúes, contribuirán...

-> 4. En todas as formas dos verbos beber, caber, deber, haber, lamber, saber e sorber:

-> 5. Nas terminacións do copretérito (pretérito imperfecto) de indicativo dos verbos da 1.a conxugación: falaba, cantabas, bailabamos...

-> 6. Nas palabras que comezan por bu-: bubela, bufanda, buscar, budista, burla...

Excepción: vulgo, vulnerar, vulto, vulva, vurullo e os seus derivados.

-> 7. Nos casos en que o son [b] vai seguido doutra consoante: branco, público, súbdito, absterse...

Excepción: acivro, ávrego e ovni.

-> 8. Nas palabras cos prefixos biblio- (‘libro’), bi- ou bis- (‘dous’), bio- (‘vida’), sub- (‘baixo’): bibliografía, bimotor, bioloxía, subatómico...

-> 9. Nas palabras derivadas ou compostas doutras que tamén se escriben con «b»: polbo polbeira, brazo antebrazo...

-> 10. Por criterios etimolóxicos: abelá, automóbil, bafo, balde, baleiro, beira, billa, bolboreta, biscaíño, fibela, gabia, gabián, marabilla, móbil, nobelo, polbo, rebentar, ribeira, trobar, trobador, Xabier e os seus derivados.

-> Úsase «v»

-> 1. En interior de palabra, despois de «b», «d» e «n»: obvio, advertir, inverno...

-> 2. En todas as formas dos verbos rematados en -servar (reservar, conservar...) e -versar (conversar, terxiversar...): reservade, conservo, conversaron...

-> 3. En toda a conxugación dos verbos estar, ir, ter, servir, ver, vir e vivir: estiven, vou, tivera, vexas, vivín...

Excepción: o copretérito do verbo estar (estaba, estabas...).

-> 4. En todas as formas dos verbos rematados en -ver (absolver, ferver, mover, ver, volver...): absolveron, fervía, moveu, verás...

Excepción: beber, caber, deber, haber, lamber, saber, sorber e os seus derivados.

-> 5. Nos nomes dos números: nove, vinte, vinte e un...

-> 6. Nos adxectivos rematados en -ave, -avo/a, -eve, -evo/a, -ivo/a: grave, oitavo, leve, nociva...

Excepción: árabe.

7. Nas palabras que comezan por di-: divagar, divino, dividir, diversión...

Excepción: dibásico/a.

-> 8. Nas palabras co prefixo vice- (‘cargo de rango inferior’) ou co sufixo -voro/a (‘comer’): vicepresidenta, insectívoro...

-> 9. Nas palabras derivadas ou compostas doutras que tamén se escriben con «v»: inverno invernadoiro, vento papaventos...

-> 10. Por criterios etimolóxicos, en: acivro, avó, avoa, avogado, caravel, chuvasco, covarde, Cristovo, escarvar, escaravello, Estevo, esvelto, garavanzo, gravar, gravata, pavillón, trevo, varanda, varredor, varrer, vasoira, vermello, verniz, verza, voda, voitre, vulto, xavelina e os seus derivados.

lunes, 12 de enero de 2009

Dobretes


á parte: Locución adverbial sinónima de ‘agás’ e ‘excepto’. Tamén pode facer referencia á situación apartada ou separada.

aparte: Substantivo que indica o que se di ou se fai á parte, especialmente na representación teatral. As taxas esixidas aos alumnos, *aparte / á parte das taxas de matrícula fixadas con carácter xeral, poderán experimentar en cada curso académico un incremento inferior ou igual ao índice da vida correspondente ao ano anterior.

aboar: Pagar o que se debe.

abonar: Inscribirse ou inscribir a alguén mediante pagamento para ter dereito a algún servizo; subscribir.

Estes erros deben ser evitados dado que non serán *abonadas / aboadas aquelas enquisas que non poidan ser procesadas debido a unha realización deficiente.

achegar: Poñer unha cousa a carón de outra.

aportar: Chegar a porto unha embarcación.

Con antelación suficiente ao período de matrícula, o estudante afectado pode solicitar que o seu caso sexa examinado pola Comisión de Permanencia e *aportar / achegar toda a documentación que se lle requira.

así mesmo: Da mesma maneira, tamén.

asemade: Simultaneamente, ao tempo. Conxuntamente, á vez. Tan pronto como, así que, en canto.

Asemade non pode utilizarse co valor de ‘ademais’ ou ‘tamén’.

As facultades do presidente do Consello poderán ser conferidas mediante apoderamento do dito presidente. *Asemade / Ademais, o presidente do Consello poderá convocar ás súas sesións a calquera persoa que o estime oportuno.

bolsa: Subvención ou axuda complementaria para a realización de estudos, viaxes ou calquera actividade intelectual.

beca: Vestidura talar negra usada polos maxistrados. Insignia dos estudantes de colexios maiores universitarios.

Estudaranse os mecanismos de concesión de *becas / bolsas ou facilitarase que os alumnos/as poidan realizar unha estancia práctica en Vigo baixo a dirección dos responsables académicos da Universidade.

concreto: Dise do que non é xeral, senón que é preciso e determinado.

puntual: Que fai as cousas ao seu tempo, no momento sinalado.

Enténdese que un mal rendemento *puntual / concreto non debe estragar o esforzo global no conxunto da titulación.

data: Indicación do tempo no que se fai ou sucede algo.

fecha: Grolo, cantidade pequena de líquido que se inxire dunha soa vez.

Que para os fins deste acordo asina na *fecha / data abaixo indicada.


desenvolvemento: Conxunto de etapas polas que pasa un organismo ou calquera outra cousa durante a súa existencia.

desenrolo: Acción de estirar algo que está enrolado. Desenrolo non pode utilizarse co valor de ‘realización’, ‘avance’. ...nas disciplinas científicas e culturais máis directamente relacionadas co *desenrolo / desenvolvemento socioeconómico rexional e nacional.

enderezo: Domicilio dunha persoa.

dirección: Camiño que un corpo segue no seu movemento.

Que para os fins deste acordo sinala como a súa *dirección / o seu enderezo a Rúa O Porto 1, 36200, Vigo.


estremo, -a: Límite dunha propiedade.

extremo, -a: Límite o que pode chegar unha cousa.

investir: Empregar capitais en negocios para quitar un proveito.

inverter: Dar volta a unha cousa. É incorrecto usalo co significado de ‘empregar cartos’.

Neste proxecto vaise *inverter / investir a cantidade de 8.300 euros.

isto, iso, aquilo: Demostrativos.


elo: Forma neutra do pronome de terceira persoa que no galego moderno só se conserva nalgunhas frases feitas. Nunca pode aparecer coa función de suxeito.

O director ou o delegado da universidade no centro poderá decidir, se aprecia causa suficiente *para elo / para iso, a non formalización da acta dunha materia ou disciplina.


mozos, mocidade, novos: Persoas que aínda non chegaron á idade adulta.

xoves: Quinto día da semana.

Con esta medida preténdese ampliar o horario das bibliotecas para que os *xoves / mozos universitarios teñan máis tempo para utilizar os seus servizos.


tratar: Tomar como obxecto de estudo, discusión ou análise.

abordar: Rozar ou chocar unha embarcación con outra.

Estas normas, baseadas na reponsabilidade e flexibilidade, constitúen o medio que permite *abordar / tratar en conxunto aspectos anteriormente comentados.


vila: Núcleo de poboación.

pobo: Conxunto de persoas dunha poboación.

A matrícula deste congreso inclúe unha excursión por varios *pobos / vilas mariñeiras do litoral galego.

O XERUNDIO

O xerundio caracterízase polas terminacións “–ndo” (“cantando”, “comendo”, “vivindo”).
Pode utilizarse nas perífrases (“Se vós quedades, nós imos indo”) ou como adverbio (“Tiña présa e marchou correndo”).
O xerundio posúe un rango aspectual imperfectivo a súa función fundamental é a de modificar adverbialmente ao verbo.

Usos do xerundio correctos

Xerundio modal: Indica o modo en que se realiza a acción principal. Marchou correndo
Xerundio temporal: Indica contemporaneidade entre a acción principal e a do xerundio. Estando no seu despacho, caeu desmaiado
Xerundio durativo ou de continuidade: Indica continuidade nunha acción. Está redactando un moi bo proxecto
Xerundio inmediatamente anterior á acción principal: Indica que a acción ten lugar inmediatamente antes á acción principal. Levantándose de súpeto, escapou a correr
Xerundio condicional: Indica condición. Estando enferma, o mellor é que non veñas traballar
Xerundio causal: Indica causa. Coñecéndoo como o coñezo eu, non creo que minta
Xerundio concesivo: Indica concesión. Ventando como venta, iría recollerte á oficina
Xerundio explicativo: Introduce unha explicación. O departamento, comprobando o éxito que tiña a obra, fixo unha nova edición.

Usos incorrectos
Xerundio de posterioridade: A acción expresada polo xerundio é posterior á acción principal (e o xerundio só pode expresar simultaneidade ou anterioridade)
*Entrou abrindo a ventá de par en par
*Recolleu a folla de inscrición ás 10.00 h, entregándoa no rexistro ás 11.15 h
Xerundio como complemento do nome: É incorrecto o uso do xerundio como complemento dun nome que funciona como complemento indirecto ou complemento circunstancial. Este uso do xerundio provoca ambigüidade
*Entreguei a solicitude no 2.º andar a unha rapaza falando por teléfono
Xerundio con valor de adxectivo especificativo: É incorrecto o uso do xerundio dun verbo que non expresa acción en función de complemento do nome. Este uso é un galicismo
*Decreto nomeando delegado de Educación