jueves, 8 de octubre de 2009

Erros léxicos - VIII

largo -> en galego significa "amplo, extenso, vasto, espazo folgado" e, polo tanto, é forma oposta ou antónima do adxectivo "estreito". Debemos evitar, xa que logo, o significado de "con moita lonxitude" para o que se debe utilizar o adxectivo "longo". Falaremos así por exemplo dun "campo de xogo longo pero pouco largo".


interrogativas/exclamativas ->
A entoación interrogativa ou exclamativa márcase ao final do enunciado por medio de signos ? e !, respectivamente. Na orixe o signo de interrogación situábase só ao remate, e este segue sendo a práctica máis frecuente entre as linguas do noso ámbito. Mais hai que ter en conta que en moitas delas a frase interrogativa contén marcas gramaticais que sinalan claramente o inicio da interrogación. Outras linguas, pola contra, carecen destas marcas gramaticais, de xeito que, se non se sinalan graficamente ao inicio da entoación esta queda en moitos casos sen marcar (entre estas linguas está o galego). Na nosa lingua o único que diferenza unha oración interrogativa doutra enunciativa é a distinta entoación xa dende o principio; para advertir o lector esta diferenza, é conveniente marcar cun signo de interrogación o punto en que se produce o cambio cando houber calquera dúbida de interpretación: vou contigo ao teatro, ¿ou queres que quede?; ¿vou contigo ao cine,ou queres que quede?


intereses/xuros ->
O "interese" pode ser tres cousas: a) Importancia ou valor que unha cousa ten para alguén. b) Desexo que unha persoa ten por ver, saber ou coñecer algo. c) Cousa que convén ou que pode beneficiar a alguén. Pola contra "xuro" é a cantidade de diñeiro que dá un un banco por un capital que se meteu nel ou ben a cantidade que cobra un banco ou unha persoa por un capital que emprestou.


impartir->
En galego ten o significado de "partir, dividir,repartir". Non se debe utilizar no sentido do español de "comunicar algo". Así, en lugar de "impartir clases" emprégase "dispensar clases" ou "dar clases". Así mesmo "impartir unha conferencia" dirase "pronunciar, ler ou dar unha conferencia".


gran/grande, san/santo ->
Debemos empregar "gran" cando a continuación temos un substantivo que comeza por consoante e "grande" nos demais casos. "San" débese empregar diante dos nomes propios que comezan por consoante (San Bieito), mentres que "santo" debémolo empregar diante dos nomes que comezan por vogal (Santa Ana).


exixir->
Coa reforma normativa do 2003, dáse a posibilidade de que apareza dúas veces x en posición intervocálica, a primeira vez co valor de [ks] e a segunda co de [∫]. Nestas palabras pódese optar por substituír o primeiro x por s, ou ben manter inalterado o grupo etimolóxico (exaxeración, exaxerar, exaxero, exexese, exexético, exixencia, exixente, exixir, etc.)

1 comentario:

  1. Habería que propor o teu desinteresado blog para un Nobel. Outros, con moitísimo menos, xa o teñen!
    E sin esixencias, mándoche un grande bico de Antas

    ResponderEliminar