domingo, 22 de marzo de 2009

A porcentaxe de galego-falantes cae do 61% ao 39%

imaxe copiada da web: http://images.google.es/imgres?imgurl=http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/7/78/Galego2006.gif&im

As cifras botan por terra os argumentos daqueles que din sentirse ameazados polo galego.
O mapa sociolingüístico de Galicia referido ao ano 2004, elaborado pola Real Academia Galega e que deu a coñecer esta semana a Mesa pola Normalización Lingüística, demostra que o uso do idioma propio caeu drasticamente entre os cidadáns. A porcentaxe de persoas que utilizan o galego habitualmente (só falan nesta lingua ou máis que o castelán) reduciuse en concreto 22 puntos en tan só doce anos, pasando do 61% dos enquisados a menos do 39%. O castelán tivo, en consecuencia, a evolución inversa. A maior diferenza entre 1992 e o 2004 prodúcese entre os cidadáns que son monolingües. Se a principios dos noventa os que se expresaban só en galego eran máis do 30%, doce anos despois esta cifra reducíase ao 16%. Ocorre o contrario co castelán. Eran monolingües neste idioma o 13% e agora sono o 25,8%, case o dobre. Aínda que varía moito en función da urbe, os habitantes de cidade son basicamente castelán falantes, e os do rural utilizan máis o idioma propio. Aqueles que naceron en localidades de menos de cinco mil habitantes utilizan no 76% dos casos o galego exclusivamente ou de forma maioritaria; mentres que os que naceron en urbes de máis de cincuenta mil usan na mesma porcentaxe o castelán (de forma exclusiva ou maioritariamente). Ocorre exactamente o mesmo co lugar de residencia. O 70% dos que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes son galego-falantes, e o 75% dos que residen en cidades de máis de 50.000, castelán falantes. Aínda que a lingua habitual nas cidades é a de Cervantes, a diferenza é significativa en función da urbe. En Santiago e Lugo hai un certo equilibrio, e aínda que a suma sitúase a favor dos castelán-falantes, en ambos os casos a porcentaxe de cidadáns que empregan maioritaria ou exclusivamente o galego supera o 40%. Na Coruña, Ferrol e Vigo o uso habitual do castelán é asoballador, superando nos tres casos o 80% dos enquisados. Chama a atención ademais o caso da urbe ferrolá, onde máis do 57% dos enquisados recoñecen utilizar só o castelán. A Real Academia Galega conclúe no seu estudo -no que se entrevistou a cidadáns de entre 15 e 64 anos- que nos últimos doce anos rexistrouse un retroceso do monolingüismo en galego, fronte a un aumento dos que falan exclusivamente en castelán. Outra das conclusións extraídas refírese á clara relación que hai entre o idioma utilizado e a profesión. O único grupo onde o galego ten un predominio claro é no dos traballadores agrícolas e os non cualificados non agrícolas. Pola contra, as profesións máis castelanizadas son as das Forzas Armadas, as de tipo administrativo e as que agrupan aos profesionais titulados. Idioma e ideoloxía Polos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia non pode concluírse que haxa unha asociación entre emprego do galego e orientación ideolóxica. Si pode extraerse algunha idea, como que hai máis tendencia ao galego entre os que se sitúan nos extremos ideolóxicos, ou un aumento do monolingüismo castelán ao pasar da esquerda á dereita. Finalmente, o estudo demostra que os homes empregan máis o galego que as mulleres. A maior diferenza prodúcese no segmento de monolingües en castelán, que no caso dos homes é dun 22% do total, e no das mulleres sobe ata o 29,7%.


La Voz de Galicia
21/03/2009

No hay comentarios:

Publicar un comentario